Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > Servizos > Servizos municipais > Residuos > Programas de recollida selectiva

/ Programas de recollida selectiva

Participa nos programas de recollida selectiva e acede a beneficios fiscais

O Concello de Arteixo pon en marcha diversos programas de recollida selectiva co obxectivo de fomentar a separación eficiente dos residuos, reducir os custos de tratamento e incrementar a reciclaxe e recuperación de materiais, aplicando o principio ambiental de quen contamina paga, de forma que o custo da xestión de residuos se vincula á cantidade e tipoloxía de residuos xerados por cada usuario.

Toda a veciñanza e as actividades económicas poden solicitar a participación nos programas dispoñibles, contribuíndo á protección do medio ambiente e beneficiándose de incentivos fiscais asociados á correcta segregación dos residuos.
 

Programas dispoñibles

  1. Compostaxe individual (descarga aquí ).
    Programa dirixido á cidadanía que resida en zonas rurais ou en vivendas unifamiliares que dispoñan de espazos ao aire libre, como xardíns, hortas ou patios. O Concello proporcionará composteiros aos usuarios participantes. O programa pretende reducir a cantidade de residuos orgánicos enviados a tratamento, e a dependencia de fertilizantes químicos sintéticos.
  2. Fracción orgánica (participación limitada ao núcleo de Arteixo na fase de probas) (descarga aquí ).
    Programa dirixido á cidadanía das zonas urbanas. Instaláronse colectores específicos dotados de sistemas de peche, que só permitirán o acceso aos usuarios autorizados. O programa pretende acadar que a fracción orgánica recollida sexa de alta calidade, permitindo o seu uso eficiente en procesos de tratamento como a compostaxe e a dixestión anaerobia, reducindo o impacto ambiental.
  3. Recollida porta a porta de papel e cartón (descarga aquí ).
    Programa dirixido aos sectores comercial, industrial, escolar e a calquera outra actividade que xere cantidades significativas destes residuos. O obxectivo principal deste programa é asegurar unha recollida eficaz e libre de contaminación do material producido nestes ámbitos.
  4. Recollida de vidro mediante sistema VACRI (descarga aquí ).
    Programa dirixido prioritariamente ao sector da hostalaría, co obxectivo de incrementar a recuperación efectiva do vidro, un material 100% reciclable de alto valor económico e ambiental.
  5. Recuperación de comida (descarga aquí ).
    Programa dirixido á hostalaría e aos supermercados co fin de reducir o desperdicio alimentario e apoiar ás comunidades vulnerables. Preténdese facilitar a entrega de alimentos excedentes a asociacións sociais e entidades benéficas ou de economía social, contribuíndo á redución do desperdicio.
  6. Colectores privados para fraccións monomateriais e/ou biorresiduos (descarga aquí ).
    Programa dirixido ás actividades que desexen adquirir e manter os seus propios colectores de fraccións monomateriais (vidro, papel-cartón, envases e/ou orgánica) compatibles cos sistemas de recollida e enganche dos vehículos recolectores municipais.

Beneficios fiscais

  • Para vivendas:
    • Compostaxe individual: reducción do 15 % da cota fixa anual.
    • Fracción orgánica (a través de colector de vía pública): reducción do 15 % da cota fixa anual.

Aviso: estes incentivos son incompatibles entre si; só se pode aplicar un por vivenda/persoa abonada.

  • Para actividades económicas:
    • Participación en 1 programa: 5 % de redución na cota fixa.
    • Participación en 2 programas: 9 % de redución na cota fixa.
    • Participación en 3 ou máis programas: 12 % de redución na cota fixa.

Aviso: non se pode participar en varios programas que teñan como obxecto a mesma fracción de residuos. Consulta o Anexo I da Ordenanza fiscal nº 14.

 

Normativa

  • Ordenanza fiscal nº 14 reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida, transporte e tratamento dos residuos municipais do Concello de Arteixo (ver ligazón BOP ).
  • Ordenanza nº 46 de xestión de residuos municipais do Concello de Arteixo (ver ligazón BOP ).

Como inscribirse

Para participar nos programas e acceder aos beneficios fiscais, é necesario presentar unha solicitude a traveso do Rexistro Xeral (de maneira presencial) ou a traveso da Sede Electrónica, adxuntando a correspondente declaración responsable, na que os participantes confirmen a súa disposición a cumprir as obrigas do programa correspondente. Posteriormente, o Concello poñerase en contacto co participante para concretar a súa participación e garantir a correcta asignación ao programa escollido.

(ver ligazón Solicitude Xeral a traveso da Sede Electrónica ).