A Concellería de cultura organiza o I Certame de Teatro Amador con motivo dos 25 anos da Mostra de Teatro Afeccionado.
O obxectivo é promover e premiar a creatividade das compañías teatrais non profesionais, e ofrecer un espazo para dar a coñecer as mellores obras contemporáneas do teatro afeccionado. Asímesmo esta nova iniciativa pretende dinamizar a participación activa da comunidade local, dando espazo ás creacións das compañías teatrais de Arteixo. De igual maneira, inclúese unha representación especial, convidada directamente pola organización, que poñerá o broche final ao certame.
O Certame celebrarase no Auditorio do CCC de Arteixo Manuel Murguía ao longo dos sábados de maio e xuño de 2025, e culminará cunha gala de entrega de premios o 5 de xullo. Serán 3.000 euros en premios, repartidos entre as 5 compañías seleccionadas, que recibirán un premio directo de 400 euros cada unha. Ademais, premiaranse os mellores espectáculos en dúas categorías: mellor espectáculo para o público e mellor espectáculo para o xurado, cun premio de 500 euros en cada unha delas.
É un certame aberto a todas as compañías e asociacións sen ánimo de lucro que conten cun grupo de teatro afeccionado. Os participantes poderán presentar obras de calquera xénero e temática, sempre que non fosen representadas en anteriores edicións da Mostra de Teatro Afeccionado do Concello de Arteixo.
A organización do evento seleccionará as 5 obras finalistas baseándose en criterios artísticos, como a calidade interpretativa e a capacidade da obra para transmitir emocións. As representacións levaranse a cabo no Auditorio do CCC de Arteixo, con entrada gratuíta ata completar o aforo.
O prazo para a presentación de solicitudes finaliza o 15 de abril de 2025. As compañías interesadas deben presentar a súa inscrición exclusivamente de maneira electrónica a través da Sede electrónica Municipal.
Para máis información, as compañías poden consultar as bases completas na páxina web municipal www.arteixo.org ou contactar a través do correo electrónico cultura@arteixo.org.