A Concellaría de Igualdade, Servizos Sociais e Educación súmase á conmemoración do Día contra a explotación sexual infantil que tivo lugar o pasado 4 de abril coa obra teatral «Una flor en la nevera. Ritual de descongelación» que poñerá en escena a compañía «Pez Luna».
Será o venres 8 de abril ás 20.30 no Auditorio do Centro Cívico e Cultural de Arteixo e as invitacións están dispoñibles para recoller no Centro de Información ás Mulleres; ou unha hora antes o día do evento no Centro Cívico Cultural.
Esta obra de teatro documental contemporáneo foi creada a partir de entrevistas a persoas anónimas, para abordar unha temática escondida, un segredo do ser humano, non nomeado pola sociedade. Esta obra amosa as consecuencias perennes que sofre o ser humano a partir do abuso sexual
A súa creadora, Mercedes Herrero Pérez, nomeada mellor actriz pola Unión de Actores/Actrices de Castela e León no 2017, afirma que o espectáculo é un ritual de sanación, xa que solo verbalizando o sucedido se pode sanar.
A protagonista é un corpo adulto que fala con outros corpos adultos ós que lles desvela o seu segredo, para levar a cabo unha cerimonia de sanación no que o público xoga un papel fundamental. A obra está dirixida a un público con desexo de saber, que entren ó teatro a abrir os ollos e o corazón.
A temática da obra é a fraxilidade da infancia, a responsabilidade das persoas adultas que a rodean, a súa capacidade de querer ver a estes seres que invaden corpos alleos, adultos que en ocasións pertencen ó ámbito familiar máis próximo. Esta obra é un espazo para dar voz.