Neste outono do Ano Internacional de María Casares, que celebra o centenario da gran actriz, o espectáculo «Continente María» regresa aos tetros galegos facendo unha das primeiras paradas en Arteixo.
Será mañá venres 21 de outubro ás 20:30 h no Auditorio do Centro Cívico Cultural. As entradas (4 e 3 €) pódense adquirir mañá de 11:30-13:30 h ou 2 h antes do comezo da función
Malia a dificultade de traer ao presente unha figura tan inmensa como a de María Casares, Continente María está a colleitar unha moi boa crítica e xa foi definida coma “un dos grandes espectáculos deste ano”. A actuación de Melania Cruz, recentemente galardoada nos Premios da Cultura Galega 2022, móstrase neste espectáculo “capaz de transitar por multitude de rexistros con facilidade asombrosa, entregada ao espectador dun xeito cada vez máis sorprendente, en reviravolta continua cara ás profundidades humanas”.
No espectáculo, dirixido por Tito Asorey, convive o humor, a emoción e unha gran musicalidade aportada en escena polo compositor e multi-instrumentista Vadim Yukhnevich. Xunto a Melania, o músico bielorruso forma unha gran parella escénica que é capaz de meter ao público no universo da actriz galega máis universal, invitando ao espectador a percorrer este continente, non como turistas senón como quen vai habitar un novo lugar.
Continente María percorre o territorio galego portando o complexo relevo da gran actriz, con drama, anécdotas, música, risa e reflexión. É unha obra que sobre todo busca celebrar coa xente esta actriz que nunca tivo na súa terra o recoñecemento que acadou fóra.