«Orgullo da nosa língua: o galego é un tesouro para compartir» é unha exposición itinerante que percorrerá as rúas de distintos puntos de Galicia mostrando algunhas das peculiaridades e trazos de identidade do noso idioma e da súa evolución.
A mostra ten como obxectivo a promoción do galego entre todos os sectores da poboación, poñendo en valor as moitas razóns que temos para sentir orgullo deste idioma único, un tesouro que temos que coidar e compartir, e a mellor forma de facelo é querelo e falalo.
A mostra está composta por cinco grandes paneis de 1,70 m de alto e de dúas caras, que nun ton ameno abordan temas como a riqueza toponímica de Galicia, referente en España; a abundancia do noso refraneiro; as variedades dialectais; as numerosas palabras que temos para falar sobre a chuvia ou as moitas formas diferentes de chamar aos mesmos peixes. A exposición contará tamén cunha persoa dinamizadora, que guiará aos visitantes e interactuará con eles mediante xogos e dinámicas de participación.
O público poderá acceder tamén a premios con acento galego, escaneando un QR dispoñible en cada unha das estruturas da mostra, as galegas e galegos terán a posibilidade de responder a un cuestionario sobre a nosa lingua e entrar no sorteo de lotes sorpresa, que poderán incluír agasallos como entradas para espectáculos en galego, camisetas, bolsas e moito máis.
A primeira parada desta acción será Arteixo, alí estará no Anfiteatro (Av. Do Balneario 11) do 11 ao 17 de setembro. O horario de visitas guiadas nesta vila será de luns a mércores, de 16 a 20 h; de xoves a sábado, de 10 a 14 h e de 16 a 20 h. A mostra estará dispoñible durante as 24 h do día para que a xente a poida visitar tamén por libre.
Despois de Arteixo será a quenda de Ribeira, do 18 ao 24 de setembro; Marín, do 25 ao 1; e de Redondela, do 2 ao 8.