«As pequenas guerras» de Clara Isabel Rodríguez; «As regras» de Antía Yáñez; e «Eivas» de Óscar Reboiras son os tres elixidos polo xurado como finalistas dunha nova edicióm do certame de narracións breves Manuel Murguía. A decisión foi adoptada de forma unánime na reunión celebrada o pasado 13 de abril en dependencias do Concello de Arteixo.
“O xurado valora que nesta edición se teña contado cun grande número de relatos de calidade. Tamén quere resaltar unha importante heteroxeneidade de estilos, a variedade dos temas a tratar e a orixinalidade no tratamento dos mesmos.”
O gañador darase a coñecer o próximo 10 de maio durante a cerimonia de entrega de premios que se celebrará ás 19.30h no auditorio do Centro Cívico e Cultural Manuel Murguía. Os premios, neste 2024, serán de 4.000€ e a edición da obra para o primeiro, 2000€ e a edición da obra para o segundo e 1000€ e a edición da obra para o terceiro.
O acto, que tamén servirá como celebración do vixésimo quinto aniversario do Centro Cívico, contará coa actuación musical de Paty Lesta, unha lembranza da escritora Luisa Villalta (autora homenaxeada no Día das Letras Galegas) e un viño de honra ofrecido polo Concello.