A compañía de teatro emerxente Código Azul levará ao Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo Manuel Murguía a súa primeira produción o vindeiro
venres 11 de outubro, ás 20:30 horas. Alí, a súa equipa artística e técnica dará a coñecer ao público arteixán o novo espectáculo do dramaturgo Ismael Gil Candal, “Tolóptica”, pisando as táboas ben forte para continuar a súa xira galega que promete ilusión, talento e paixón pola profesión.
Tolóptica é un percorrido analítico e crítico en clave de humor sobre a percepción contemporánea do traballo coma peza clave da sociedade. Déixanos ler entre liñas o xeito no que unha persoa, dende os seus cimentos vitais, pode chegar a deformar e desgastar toda a súa maquinaria psíquica, física e, inclusive, ideolóxica, ata acadar un estado de enaxenación absoluta.
A cita é este venres 11 de outubro ás 20.30h no auditorio do centro cívico e cultural Manuel Murguía. As entradas xa están a venda aquí ou 2 h antes do comezo da función no despacho de billetes do CCC de Arteixo.