O auditorio do centro cívico acolle este venres ás 20.30h o espectáculo «Falar por falar» que pon en escena a compañía «Volta e dalle». Unha comedia galega de Carlos Santiago de Víctor Mosqueira que aborda o futuro incerto da lingua galega.
Malia os niveis de protección legal do idioma, e case dous séculos de rexurdimento civil e literario, o descenso de falantes é evidente, con grande incidencia nas novas xeracións de galegas e galegos. Atravesada por conflitos de longa data e certamente mareada polos avatares da política, a lingua segue viva e reclama o seu lugar natural nas nosas vidas. Moita xente mamouna no berce, outra demorou en romper a falala, e hai quen nunca a falou nin nunca a falará. Por iso «Falar por Falar» proponnos un achegamento á realidade da lingua, desde a propia vivencia dos falantes e os non falantes.
Espectáculo con entrada: 3 e 2,25 € cunha duración de 65 minutos.