Rosalía, Murguía e Arteixo é un programa de actividades que conxuntamente realizarán a Fundación Rosalía de Castro e o Concello de Arteixo para celebrar a convocatoria da 31 edición do Certame de narracións Breves Manuel Murguía.
Os actos comezarán este mércores, 17 de novembro, coa conferencia de Xosé Luís Axeitos, historiador e académico: «Murguía: de Arteixo a pedra fundacional do galeguismo. 110 anos da súa Historia de Galicia. Realizarase no IES Manuel Murguía e estará dirixida ao alumnado de 3º da ESO e 1º de Bacharelato.
O 29 deste mes, realizarase a plantación dunha filla da Figueira de Rosalía (árbore monumental e senlleira dos tempos de Rosalía) no entorno do Centro Cívico Cultural.
Outro dos actos programados para o mesmo día é a presentación dos libros «Cartas a Murguía (1886-1923)» e «IV Correspondencia da familia Murguía-Castro e outras cartas» de Xosé Luís Axeitos e Xosé Ramón Barreiro, coa presenza de Axeitos e do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. No mesmo acto, terá lugar unha doazón de 25 exemplares dos devanditos libros ao Concello de Arteixo.
Finalizará o evento coa presentación das bases da convocatoria da 31 edición do Certame de narracións breves Manuel Murguía polo seu director literario Alfredo Ferreiro e as autoridades locais presentes.