O cine volve a Arteixo da man do Ciclo Mestre Mateo no que o noso Concello participa xunto con outros tres concellos galegos. Trátase dunha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual en colaboración coa Deputación da Coruña, entre outros organismos oficiais. Unha proposta piloto que durante 2022 proxecta os 4 filmes finalistas da categoría de mellor película do ano e os 4 documentais finalistas da categoría mellor documental do ano.
O sábado 28 de maio ás 20:30 h, o auditorio de Arteixo acolle a proxección de «A Poeta Analfabeta», un documental que retrata a unha muller fascinante: Luz Fandiño. Poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria. Aos seus 88 anos é unha das voces vivas da emigración galega, da que voltou pobre pero cunha fonda consciencia da súa identidade, a súa lingua e o seu xénero. Luz é testimonio vivo das realidades máis duras so século XX. Por ser muller, por ser emigrante, por ser pobre, por ser roja.
A película, dirixida por Sonia Méndez, é candidata a mellor documental nos XX Premios Mestre Mateo.