A Concellería de cultura pon o broche final ás actividades que durante este ano pasado leváronse a cabo con motivo do centenario do pasamento de Manuel Murguía, ilustre arteixán nado en O Froxel o 17 de maio de 1833.
O Pleno da Corporación aprobou, por unanimidade, nomear ao Centro Cívico Cultural de Arteixo como Centro Cultural de Arteixo Manuel Murguía como lugar de referencia e máis identificado co movemento cultural e co eido literario galego, así como pola súa proximidade ao lugar de onde partía súa nai cando tivo lugar o seu alumbramento.
A concellería de cultura quere ademáis, como peche a este ano de efeméride, implicar á mocedade no coñecemento de Murguía co desenvolvemento de distintas actividades.
Comezarán o 2 de febreiro con visitas do Señor Murguía, encarnado polo actot José Losada, ao alumnado de 1º de primaria do CEIP Arteixo. Trátase de explicar aos infantes quen foi e que representa para as letras galegas este persoeiro.
Estas visitas se repetirán durante toda a vindeira semana en todos os centros educativos de primaria do término municipal e chegarán a uns 300 alumnos. Ao remate de cada “contacontos escenificado”, se lles entregará aos presentes un exemplar do libro Os Bolechas, as miñas primeiras Letras Galegas de Pepe Carreiro e adicado ao 1º fillo predilecto do Concello de Arteixo Manuel Murguía.
O alumnado dos últimos ciclos de secundaria e bacharelato participarán no acto de presentación de Manuel Murguía: homenaxe en Bos Aires, unha publicación preparada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CIRP)-Xunta de Galicia en conmemoración do centenario do falecemento do historiador e polígrafo. Será o día 2 de febreiro ás 12h no auditorio do CCC Manuel Murguía de Arteixo, no Paseo Fluvial.
Na presentación deste libro intervirá a concelleira de cultura María Dubra López; X. Amancio Liñares Giraut, coordinador desta edición do certame literario de Arteixo e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.