A pandemia suspende tamén en 2021 a Festa das Flores que, non obstante, contará cun maio o día 29 no Paseo das Letras
Moncho Borrajo é a estrela da programación que a Concellería de Cultura elabora con motivo da Festa das Flores que, neste 2021, tamén volve a ser diferente.
O artista ourensán estará no Centro Cívico de Arteixo o venres 28 para presentar o seu espectáculo «Nada» no que fai un recopilatorio dos seus mellores monólogos ao longo dos seus 45 anos de traxectoria profesional.
A cita será este venres 28 ás 20:30 h no Auditorio, que coas actuais medidas anticovid, só dispón dunha capacidade para 56 persoas. O espectáculo será con entrada de 4 € e 3 € para estudantes e maiores de 65 anos que o acrediten. As entradas poderanse mercar o propio día da actuación de 11:30-13:30 h ou 2 h antes da función até completar a capacidade da sala.
O sábado 29, non haberá Concurso de Maios como se viña facendo pola Festa das Flores, e que este ano lle correspondería a súa 8ª edición, pero contaremos no Paseo das Letras (terraza da cafetería do CCC de Arteixo) coa EXHIBICIÓN DUN MAIO realizado polo florista Richar del Toro co que se pretende homenaxear a todos aqueles colectivos de traballadoras/es esenciais que estiveron desenvolvendo a súa labor profesional en primeira liña durante os momentos máis duros da pandemia do COVID.
Ademais o propio sábado, o público infantil poderá desfrutar dun concerto de percusión no Anfiteatro da man de Odaiko. «Vaia circo!» é un espectáculo familiar que combina o humor, a participación do público e moito ritmo!. Será ás 18:00 h e con invitación que se poderá recoller no propio recinto 1 h antes. En caso de choiva, esta actuación trasladarase ao Auditorio de Arteixo.
O domingo 30, a banda madrileña MÄBU, actuará ás 20:30 h no Auditorio de Arteixo. Esta actuación enmárcase dentro do IV Festival Metropolitano de Música e Artes pola Igualdade “ELAS SON ARTISTAS”. A Concellaría de Cultura de Arteixo leva apoiando esta iniciativa dende os seus inicios coa finalidade de visibilizar a figura da muller no ámbito artístico-musical en prol da IGUALDADE. Con máis de 200 concertos ás súas costas e 5 traballos discográficos publicados, MÄBU converteuse nunha banda imprescindible na escena musical independente española e comeza a ter unha gran proxección en México, onde xa realizaron varias xiras. Entrada con invitación que se poderá recoller 1 h antes na Billeteira do CCC de Arteixo.