Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > Arteixo 1900 presenta As Aldeadas: as primeiras Olimpiadas Rurais

/ Arteixo 1900 presenta As Aldeadas: as primeiras Olimpiadas Rurais

A Feira Histórica de Arteixo adianta unha das súas novidades máis destacadas da edición deste ano: As Aldeadas, as primeiras Olimpíadas Rurais que se celebrarán o sábado 18 de outubro ás 17:30 horas no Campo da Igrexa.

A actividade, organizada polo CCA en colaboración co concello, reunirá equipos de veciños e veciñas que competirán en probas de forza, habilidade e destreza inspiradas nos xogos de tradición popular, como lanzar o marco, carrexar o leite, espetar a estaca, tirar da corda ou rular o rolo. A competición será de carácter lúdico e os participantes optarán ao título de campión das Aldeadas, cun premio que se desvelará nos próximos días.

As inscricións estarán abertas do 6 ao 12 de outubro e poderán participar equipos de entre catro e seis persoas, sempre maiores de idade. O número máximo é de seis equipos, admitidos por rigorosa orde de inscrición. A organización lembra que será obrigatorio acudir vestido ou vestida con traxe de época, seguindo a moda da aldea do 1900. O proceso de inscrición realízase a través do formulario dispoñible neste enlace

Ademais desta novidade, a Feira Histórica volverá contar coa tradicional Cea-baile 1900, que terá lugar na noite do sábado no Pazo dos Deportes. A cita combinará gastronomía galega con música en directo da Orquestra Ritmo. As entradas, cun prezo de 25 euros para maiores de 12 anos, poderán adquirirse no Centro Cívico Cultural Manuel Murguía entre o 13 e o 18 de outubro en horario de mañá e tarde.

Outro dos servizos que se manterán é o aluguer de traxes de época, dispoñible tamén no Centro Cívico Manuel Murguía do 13 ao 18 de outubro. A devolución deberá facerse o día 20.

A Feira Histórica Arteixo 1900 desenvolverase entre o 17 e o 19 de outubro e converterá o municipio nun escenario para viaxar á vida galega de comezos do século XX, cunha programación que mestura tradición, gastronomía, música, teatro e actividades abertas a públicos de todas as idades.

Ir al contenido