Filtro xeral
Só coincidencias exactas
Buscar no título
Buscar no contido
Buscar no extracto
Filtro xeral
Só coincidencias exactas
Buscar no título
Buscar no contido
Buscar no extracto

Inicio > Cultura ofrece máis de vinte espectáculos nunha nova edición do Outono Cultural

/ Cultura ofrece máis de vinte espectáculos nunha nova edición do Outono Cultural

Son vinte actuacións e catro exposicións as que encherán de cultura e ocio os próximos meses. A Concellería de Cultura pon en marcha a XXI Edición do Outono cultural que se desenvolverá entre outubro e decembro próximos.

O Centro Cívico Cultural albergará toda esta actividade a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña, da Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC e da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.

O cartel inclúe espectáculos teatrais xa consagrados na escena galega; maxia; música ou baile.

O teatro estará representado, entro outros, por Excéntricas, Contraproducións, Elefante Elegante, O Centro Dramático Galego e Sarabela Teatro, esta última gran triunfadora nos Premios María Casares deste ano, con 4 galardóns, entre eles ao mellor espectáculo por «A lingua das bolboretas«.

Tamén estará en Arteixo «Fariña« de Ainé Producións. Tito Asorey dirixe a adaptación teatral do ensaio de Nacho Carretero, protagonizada por Xosé A. Touriñán, César Goldi, Marta Lado, Graciela Carlos e Sergio Zearreta que, desde a súa estrea en 2019, acumula máis de 45.000 espectadores nas súas xiras por Galicia, Madrid e Barcelona, converténdose nun dos fenómenos dunha tempada teatral marcada polas restricións de aforo e mobilidade. Tamén contaremos con compañías de fóra de Galicia como a madrileña ImproMadrid Teatro, que con 20 anos de traxectoria profesional, converteuse nunha das compañías máis coñecidas da escena improvisada mundial pola teatralidade, o risco e a calidade das súas montaxes.

O apartado musical chega da man de dúas das principais voces do panorama musical galego, cunha recoñecida traxectoria musical internacional: a arteixá Fransy González e Davide Salvado acompañados de Cibrán Seixo. Voz, pandeireta, pandeiro e violín son os ingredientes principais desta proposta conxunta, na que mostran melodías de sempre sen perder, cada un deles, o seu estilo persoal.

A maxia estará representada pola experiencia do Mago Teto, un artista habitual na televisión desde os seus comezos, que goza de gran popularidade e recoñecemento entre o público e pola xuventude e frescura do Mago David Maestro, máis coñecido polas súas aparicións televisivas en: Quen anda aí? (TVG), Got Talent España (TELECINCO), Hora Punta e Pura Magia (TVE).

O talento local tamén ten cabida nesta programación: A Escola de Teatro Melandrainas representará dúas obras a través dos seus grupos teatrais ES3HA2 e Pasapadentro ao igual que a Asociación Cultural Faíscas coa comedia «Operación coroa: un golpe moi real» retomará a súa volta aos escenarios. O baile e a música tradicional tamén estarán presentes cun pasacalles o sábado 16 de outubro a cargo da Asociación Xuvenil Xiradela, quen ademais organizará o 28 de novembro o XXI Concurso de Música Tradicional no Auditorio de Arteixo.

Consulta a programación completa neste enlace

Ir al contenido