A Concellaría de Cultura presenta unha nova edición da súa programación cultural de primavera, PRIM´ART 2025, un ciclo diverso e vibrante que convida a veciñanza a gozar das artes escénicas, música, literatura, danza, maxia e exposicións ata o mes de xullo.
O programa, con máis de 30 actividades, abrangue dende espectáculos para público familiar ata propostas de vangarda, coa colaboración de artistas locais e compañías recoñecidas do panorama galego.
Destacan, entre outras, «O pequeno poni» de Redrum Teatro (11 de abril), un drama social sobre o acoso escolar; a presentación do disco «Lovismo» da Banda da Loba (20 de xuño), en conmemoración do Día Europeo da Música; a obra «As desterradas» (9 de maio), da man de Producións Excéntricas, que aborda a loita feminina no século XVI; ou o espectáculo «A danza do verán» de Xoán Curiel (30 de maio), ideal para público infantil.
Entre as novidades cabe reseñar o Certame de Teatro Amador «Premios amARTE 2025», que culminará o 5 de xullo cunha gala final.
En canto as exposicións, albergaremos a do XVIII Premio Internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica, o XVI Premio Antonio Fraguas de Artesanía e a mostra fotográfica «Capturando a natureza» de Álvaro Lamas.
A Concellaría de Cultura subliña que PRIM´ART 2025 é un convite aberto á participación cidadá, á creatividade e ao encontro interxeracional arredor das artes. A maioría das actividades son de balde ou cun prezo simbólico, e as entradas ou invitacións poderán retirarse a través de www.eventosarteixo.com a propia semana do evento.