A última fin de semana de abril chega á programación da Concellería de Cultura cunha dobre cita.
Teatro dos vieiros é un espectáculo infantil que pretende revalorizar a lingua galega e a cultura popular baseándose nunha iniciativa que implantou Ricardo Carvalho Calero cando dirixía o Colexio Fingoi de Lugo, entre 1950 e 1965.
Chega ao Auditorio do Centro Cívico de Arteixo o venres 22 de abril ás 18.30 h.
As entradas, con invitación, pódense recoller 1 h antes ata completar a capacidade da sala.
O cinema está protagonizado, unha vez máis, polos premios Mestre Mateo.O sábado 23 de abril ás 20:00 h no Auditorio do CCC de Arteixo.
A película que chega a 20 concellos de Galicia e 8 comunidades galegas do exterior é A virxe roxa, galardoada co Mestre Mateo ao Mellor documental o pasado 19 de marzo.
Este documental, para maiores de 16 anos, conta un suceso que conmocionou á sociedade española dos anos 30 do século pasado, protagonizado por Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart, unha moza que con só 18 anos se convertiu nunha das feministas máis destacadas da Segunda República Española, pero que pasaría á historia por ser asasinada a mans da súa nai.
O documental, dirixido por Marcos Nine, conta con Amalia Mato e Chema Gagino, responsables da idea orixinal, na produción executiva. Ademais de gañar o premio ao Mellor documental, tamén foi finalista na categoría de Mellor montaxe e resultou premiado en festivais internacionais como DOCA ou Blackboard.
O Ciclo Mestre Mateo é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas Deputacións de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e a Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia.