O Entroido 2022 retoma moitos dos seus aspectos habituais. Non todos.Será un entroido sen grandes aglomeracións para cumprir coas medidas establecidas no Protocolo publicado pola Xunta de Galicia para este evento.
A programación adícase, principalmente, ao público infantil e evítanse actividades como os concursos con desfile de carrozas, comparsas e disfraces. A organización anima a todas as familias a disfrazarse, caracterizarse e a vivir de igual modo o Entroido cumprindo con todas as medidas de seguridade.
O entroido comeza de forma oficial o sábado 26 cun pasacalles a cargo do grupo KOREMI que percorrerá as rúas do centro de Arteixo animando o Feirón Municipal. Un séquito de 15 personaxes protagonizado por un imponente Minotauro acompañado de outras figuras mitolóxicas desfilará realizando coreografías ao son da música e das chocallas dos seus faunos. Caracois, raíñas, bolboretas completarán esta fantasía animada que poderás ver en horario de 12:00 a 14:00 h.
O domingo 27 o Auditorio de Arteixo acolle un concerto de MAMÁ CABRA que trae a Arteixo a súa nova produción «A música das buguinas» acompañados por Daniel Bellón e Diego Maceiras. Trátase dun concerto didáctico dramatizado. A través da historia de Roque, un neno que vive en Moeche, iremos descubrindo a música tradicional, os seus instrumentos máis característicos así como a vestimenta e a importancia de que un pobo cante. Cunha formación de gaita, acordeón, guitarra, distintas percusións e instrumentos de vento, iremos cantando, narrando e acompañando a historia de Roque. Pero Roque ten que ir á escola da vila e alí semella que a ninguén lle interesa a música… ate que decide organizar un baile. A música das Buguinas é un espectáculo no que o publico participará activamente na historia.
O luns 28 de febreiro e o mércores 2 de marzo, contaremos con 2 obradoiros de cociña entroideira e creativa no Centro Cívico Cultural de Arteixo. Trátase dunha actividade dirixida á rapazada de 7-12 anos, cun límite de prazas para 25 persoas por día. Cada obradoiro dura 1,5 h en horario de 11:00 a 12:30 h. Para participar requírese de inscrición previa e o prazo estará aberto do 23 ao 25 de febreiro. Na sesión do luns aprenderán a realizar filloas e a facer diferentes recetas con elas e o mércores, realizarán recetas máis creativas como o canapé infinito e as nubes de chocolate.
O luns 28 ás 18:30 h no Auditorio, espectáculo de ilusionismo da man da MAGA AMÉLIE (Madrid), habitual en todos os grandes congresos de maxia. É unha das poucas magas españolas que obtivo o premio “Mago del año” da Sociedade Española de Ilusionismo (2006) e un Premio Nacional na categoría de maxia xeral. Co espectáculo “Con mi magia y tu imaginación”, a Maga Amélie sedúcenos cos seus números visuais, fainos soñar co imposible e embáucanos coa súa simpatía e dozura. Flores, bolboretas, lucecús… ben podería forma parte do soño do espectador e non da súa realidade. Trátase dunha metáfora, un xogo de seducción, unha invitación constante ao espectador, no que un clown feminino arrebata o sorriso rompendo a cuarta parede.
O entroido tamén terá a súa festa infantil o 1 de marzo no campo da Festa. Catro inchables, animación con DJ, obradoiros de máscaras e complementos entroideiros, stands de degustación gratuíta de doces e un photocall farán as delicias dos máis cativos da casa.Entre as 17 e as 20h