O 5 de abril foron publicadas no BOP nº 67 as bases e a convocatoria para unha nova edición do Concurso de Maios.
Os maios participantes serán expostos na Avda. do Balneario o venres 24 de maio co fin de festexar a chegada da primavera, promover a tradición, o respecto á natureza e fomentar a creatividade e o goce polo artístico.
Mantense a existencia de dúas modalidades:
- Maio Tradicional:o que representa formas de pirámide, cono ou cruceiro elaborado con materiais naturais, tradicionais e típicos de Galicia (madeira, flores silvestres, froitas, xestas, musgo…)
- Maio Artístico:o que recrea figuras humanas, escenas cotiás, monumentos, obras de arte ou a representación libre dos maios, podendo utilizar calquera tipo de material.
As súas medidas deben oscilar entre 1,5 e 2 metros de altura e cada modalidade está dotada cun único premio de 400 €, concedéndose un premio especial para centros educativos, tamén de 400 €. Ademais, concederanse premios de 100,00 € pola participación logo da comprobación e estudo, por parte do xurado competente, de que o Maio está debidamente elaborado. O número de maios non poderá exceder de 22, polo que serán admitidos por rigorosa orde de inscrición.
As inscricións faranse por sede electrónica (para as entidades locais) ou no SM de Cultura (no caso de persoas físicas), antes das 14:00 h do día 17 de maio de 2024.
Os traballos gañadores daranse a coñecer o venres 24 de maio na Praza do Balneario ás 13:00 h. En caso de choiva, o acto trasladarase para a Capela.