A infancia, os recordos e os xogos protagonizan a XXI Edición da Feira Histórica Arteixo 1900 que recupérase despois da obrigada ausencia derivada da pandemia.
A tradicional cita, os próximos 14, 15 e 16 de outubro, suporá para os visitantes facer un percorrido pola historia da infancia e os seus xogos na Galicia de principios do século XX. Trátase de rememorar as escolas de Arteixo, os xogos e divertimentos da época, as cancións, os xoguetes, os espazos lúdicos segundo a clase social e os traballos e tarefas que se lles destinaba á rapazada.
A Programación inclúe, para iso, unha ampla oferta de espectáculos musicais e teatrais, así como exposicións e unha gran oferta de postos de artesanía e alimentación.
A novidade é, neste ano, o Escenario Estrella Galicia, na Praza do Balneario. Por alí pasarán artistas de talla internacional como como a Stompy Seven Jass Band, Clarence Bekker Band, Carla Green and the Demons, Macheta Supah Band ou DJ Pank.
Fóra deste escenario teremos os habituais pasarrúas con grupos como Triskell; cantautoras como Silvia Penide, danza como a de Tropicalia ou a Ora Tahití Galicia, e espectáculos de títeres e teatrais como os que ofrecerán Os Monifates, Migallas, Inventi, Teatro ao Cubo ou as Izquierdo Sisters.
A Feira tamén contará cos tradicionais postos de artesanía, exposicións, a tradicional Cea 1900 e o servizo de aluguer de traxes.
O concello tamén instalará un Punto Violeta de cara a previr calquera tipo de violencia sexista.
Outra das aportacións de Estrella Galicia a Feira Histórica é a instalación do Mercado da Colleita, que estará situado na explanada do campo da Igrexa no paseo fluvial. O Mercado da Colleita é unha iniciativa de impacto social da Corporación Hijos de Rivera que ten como finalidade transformar as zonas rurais nun medio máis próspero e sostible mediante a sensibilización e a difusión de iniciativas inspiradoras que marcan a diferenza. Na Feira Histórica de Arteixo exporá un espazo no que presentará algunhas iniciativas exemplares do rural galego como os queixos de sinatura de Cortes de Muar, a tradicional avicultura do Galo Celta, o uso do sabugueiro de Carabuñas, postos de Versos, e a creatividade culinaria da Castrexa que ofrecerá degustacións e obradoiros arredor dos seus produtos.
Nos textos redactados polo historiador Xabier Maceiras e que acompañan a programación, recórdase como Galicia afrontou entre os séculos XIX e XX un proceso de cambio económico no que a mobilidade poboacional constituíu o motor da alfabetización nunha sociedade predominantemente rural e de hábitat disperso. O ciclo escolar era estacional e irregular, determinado polos ciclos económicos agrícola e pesqueiro.
O concello quere agradecer a colaboración a todas as asociacións participantes no programa da Feira Histórica como son Faíscas, Palilleiras e Punto de Arteixo, Triskell, Tropicalia, Agrupación musical Emilia Pardo Bazán,ASC Mariana de Arteixo, Asociación de Pensionistas e Xubilados de Arteixo, Fontesvellas de Lañas, Pedra da Salsa de Barrañán, Ría de Rañobre, San Esteban de Larín, Sto. Tomás de Monteagudo, Xiradela, Banda de Música Santiago de Arteixo, Centro Comercial Aberto, Club Xadrez Arteixo, ORA Tahití Galicia, O grilo de Pastoriza, e tamén a Julio Mancebo e Xabier Maceiras.