Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > A entrega de Premios do 34º “Certame de narracións breves Manuel Murguía” rende homenaxe a Xiradela

/ A entrega de Premios do 34º “Certame de narracións breves Manuel Murguía” rende homenaxe a Xiradela

O pasado 16 de maio celebrouse a cerimonia de entrega de premios ás 19:30 no Centro Cívico Cultural de Arteixo Manuel Murguía

Na entrega de Premios do 34º “Certame de narracións breves Manuel Murguía”, Alfredo Ferreiro, director literario do Certame, leu a acta do xurado en que figuraban os seguintes premiados:

• 1º premio, consistente en 4000 euros e a publicación da obra, ao relato A expedición Reynolds e a tribo dos tul’ati, presentada baixo o lema “Ariel Leira” e con autoría de Héctor Cajaraville Araújo;

• 2º premio, consistente en 2000 euros e a publicación da obra, ao relato Ser amábel, presentada baixo o lema “O fío que une as cousas” e con autoría de Inmaculada Núñez Núñez;

• 3º premio, consistente en 1000 euros e a publicación da obra, ao relato Bum, presentada baixo o lema “Pantone 422 C” e con autoría de Nerea Pallares Villar.

No acto de entrega contouse coa presenza do xurado, e en nome do mesmo Beatriz García leu a seguinte valoración: «O xurado do 34 Certame de Narracións Breves Manuel Murguía desexa facer constar a alta calidade dos relatos presentados a concurso, que se nos mostran como un síntoma da Galicia de hoxe coas súas contradicións e conflitos, entre un Aquí e un Alí, un Antes e un Agora, unha Identidade e unha Alteridade, moitas veces entrevistas como obxecto de desexo e outras como alternativas rexeitables. Neste conxunto de propostas de alta calidade destacan, en opinión unánime dos membros do xurado, as tres narracións finalistas: ”A expedición Reynolds e a tribo dos tul’ati”, “Bum” e“Ser amábel”.

Estes relatos presentan ficcións de temática variada, en clara aposta pola renovación; singularidade de estilos e diccións e narrativas tanto contemporáneas como de evocación, mais todos tres transparentan agarimo e coidado para a lingua en que están escritos, en propostas de percorrido áxil e moderno. A orixinalidade destes contos pode proceder da tipoloxía textual empregada como base para a narrativa, da que se coidan todos os detalles; dunha estrutura encadeada que xungue nun xogo irónico personaxes situados en espazos afastados ou dos fíos invisibles que van levando os lectores e lectoras dende unha cotidianeidade monótona e, polo mesmo, esmagante ata un desenlace tráxico, mais todos eles sorprenden dalgún xeito e deixan na boca, tras o remate, o sabor da boa literatura.»

Os premios, coñecéronse durante unha cerimonia que contou coa actuación da Asociación Xuvenil Xiradela. O arranxo floral do escenario foi responsabilidade mais unha vez do decorador florista Richard del Toro.

Participaron na entrega dos premios a actual Concelleira de Cultura, a señora María Dubra e o señor 1º tenente de alcalde de Arteixo José María Sánchez Novo, quen pechou o acto.

O evento incluíu tamén a personalización dunha butaca a nome da A. X. Xiradela no interior do salón de actos (co descubrimento dunha placa). Ao tempo, vislualizouse como fondo de escenario un vídeo con fotos da Asociación cedidas para a ocasión.

Tamén no mesmo acto foi valorizada que o Día das Letras Galegas de 2025 fose dedicada á poesía popular oral, e así mesmo foi entregada ao público asistente a nova edición dos últimos 9 relatos premiados no Certame, extremos que o director literario Alfredo Ferreiro presentou así:«Homenaxe ás Cantareiras Segundo a Real Academia Galega, esta institución “acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). É unha representación colectiva, como xa se fixo na elección dos trobadores da ría de Vigo en 1998, coa que se rendeu homenaxe á poesía medieval. Coa elección de 2025 quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre”. Efectivamente, tanto a poesía culta medieval como as letras das cantigas tradicionais que mañá no Día das Letras Galegas serán homenaxeadas, constitúen froitos da creatividade do noso país, no que se orixinou a primeira e máis florida poesía de toda a Península, nunha época esplendorosa en que os reis de Galicia se coroaban emperadores de España en Compostela. Nunha época en que as maiores cortes literarias promocionaban os poetas de tal modo que en galego se compoñía e en galego se cantaba desde Tui a Valencia, desde Santiago a Sevilla, desde Braga a Burgos, desde Oviedo a Toledo. E é precisamente esa tradición lírica que as nosas cantareiras, artífices musicais do corazón artístico do pobo, mantiveron viva durante séculos a pesar das prohibicións e das censuras que existiron sobre a lingua e, en consecuencia, a cultura de Galiza. Por iso para as cantoras do pobo, as conservadoras la tradición lírica galega máis auténtica, pedimos un grande aplauso que dirixiremos a quen hoxe aquí as representa: a Asociación Xuvenil Xiradela.

Presentación do libro A garza alucinada

Mais pasemos agora da literatura oral á literatura escrita, pois en Arteixo toda literatura se atende, toda se apreza, toda se ama. Apresentamos hoxe ao público arteixán un novo volume publicado cos últimos relatos premiados no noso querido Certame. O primeiro volume compilatorio que puidemos coordinar levou o título A garza insomne, coa pretensión de unir nove relatos necesariamente diversos baixo o lazo alegórico dun animal habitual nas zonas húmidas de Arteixo. A falta de sono debía entenderse como un efecto natural que as innúmeras ficcións literarias que chegaban ao longo dos anos ao Certame terían producido no noso animal, suspenso nunha permanente reflexión sobre a vida e sobre os modos innumerábeis de que podemos servirnos para contala. O segundo volume titulouse A secreta melancolía da garza, facendo alusión aos aspectos máis ocultos do feito literario, e nel vinculabamos melancolía, morriña e saudade como sendo conceptos similares que en diferentes rexistros e contextos refiren algunhas das máis reveladoras experiencias da vida. No terceiro, A garza en chamas, dabamos a entender que a pernilonga entraba en combustión a causa da saturación de Verdade que a literatura fornece, como se experimentase unha catarse flamíxera inevitábel. E xa neste cuarto, dando continuidade a este animal xa totémico que inspira, se non o Certame, ao menos as últimas edicións dos textos vencedores, presentamos A garza alucinada que, afectada pola intensidade e a profundidade das obras arribadas ao Certame, a modo de Quixote emplumado non sabe xa onde acaba a ficción e onde a realidade comeza ou, dito por outras palabras, cal é a realidade das innúmeras ficcións en que vivimos. Con ilustración de capa a cargo de Alberto Esperante, por segunda vez, e con edición de Alvarellos, quen con tanto mimo trata os nosos volumes, esperamos que desfrutedes dun novo libro en que a literatura galega máis actual se divulga e a creatividade literaria se apoia.»

Rematado o acto e feitas as fotos oficiais, ofreceuse un viño de honra como fin de festa.

Ir al contenido