A XXIV Feira Histórica “Arteixo 1900” chegará, fiel á tradición, os días 17, 18 e 19 de outubro de 2025, transformando o paseo fluvial e as prazas da vila nun retrato vivo da Galicia de comezos de século. Esta edición está dedicada a “Cousas de Aldea” e, coincidindo co Ano Castelao e o 75º aniversario do seu pasamento, renderá unha homenaxe á figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
A obra de Castelao, especialmente o seu libro Cousas (1926), serve de fío condutor para unha programación que recreará o espírito da Galicia rural e popular. O evento quere facer sentir ao visitante como se camiñase por un mercado de antano, con tabernas, artesáns e escenas da vida sinxela da época. A feira converterase nun escenario vivo que recupera a memoria colectiva e pon en valor as raíces culturais galegas.
A vinculación de Castelao con Arteixo maniféstase a través de figuras e lugares como Picadillo e o Pazo de Anzobre, o crego e escritor Antonio Rey Soto —quen casou a Castelao con Virxinia Pereira— ou a relación coa comarca de Caión, onde chegou unha das súas obras.
Entre as actividades destacadas figuran o obradoiro infantil “Estampas de Castelao”, o mercado tradicional ampliado ata a Ponte do Ba, os espazos gastronómicos do Furancho dos Baños e a Taberna de Picadillo, así como as “Aldeadas”, olimpíadas aldeás con probas tradicionais. Tamén haberá música, teatro, pasarrúas e a tradicional “Cea baile 1900” no Pazo dos Deportes.
A Feira Histórica de Arteixo consolídase como un evento de referencia en Galicia, que combina divulgación cultural, participación cidadá e posta en valor das tradicións locais.
A programación completa está dispoñible aquí