Tras o éxito obtido entre xaneiro e xuño, o Obradoiro Municipal de Teatro de Arteixo amplía a súa duración e desenvolverase de setembro a decembro. As sesións terán lugar na Capela do Balneario, todos os luns en horario de 20:00 a 22:00 horas.
A actividade, dirixida a persoas entre 18 e 65 anos, continúa baixo a coordinación de Manuela Varela, profesional cunha ampla traxectoria no ámbito teatral, tanto na interpretación como na dirección e na ensinanza.
Actualmente permanecen dispoñibles sete prazas, polo que o Concello abrirá un prazo extraordinario de inscrición do 15 ao 19 de setembro. As persoas admitidas en rigorosa orde de inscrición recibirán no seu correo electrónico o recibo de pago da actividade, cun importe de 14 euros.