Filtro xeral
Só coincidencias exactas
Buscar no título
Buscar no contido
Buscar no extracto
Filtro xeral
Só coincidencias exactas
Buscar no título
Buscar no contido
Buscar no extracto

Inicio > Unha "Sinfonía a 3 voces sobre unha cidade a tumba aberta" gaña a XXXII Edición do certame Manuel Murguía

/ Unha «Sinfonía a 3 voces sobre unha cidade a tumba aberta» gaña a XXXII Edición do certame Manuel Murguía

«Sinfonía a 3 voces sobre unha cidade a tumba aberta» é o título que ven de gañar a XXXII Edición do certame de narracións breves Manuel Murguía. A obra,  presentada baixo o lema “Unha historia posible”, é de Roberto Rodríguez González obtén, un premio de 4.000€ e a edición da mesma. O premio, por causas xustificadas, recolleuno, en nome do gañador, Anxo Sánchez.

O xurado, que decidiu os premios por maioría, estana composto por Ana Cabaleiro López, representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; Esperanza Luz Mariño Davila, representante da Asociación Galega da Crítica; José Ignacio Silva Regueira, primeiro premio na 31ª edición; e  Alfredo Ferreiro, director literario do Certame, que asistiu como secretario, con voz e sen voto.

O segundo premio outorgouse a Levidade, presentada baixo o lema “Etérea” e con autoría de Agustín Agra Barreiro, que contou coa seguinte dotación: 2000€ e a edición da obra;

O terceiro premio para Endodoncias, presentada baixo o lema “Paki” e con autoría de Inmaculada Núñez Núñez, que contou coa seguinte dotación: 1000€ e a edición da obra.

Os premios, elixidos entre 55 concorrentes, coñecéronse durante unha cerimonia que presentou Alfredo Ferreiro e contou coa arte musical de Mónica de Nut (acompañada de Luís Martíns) á volta do seu último traballo Raíces aéreas. O arranxo floral do escenario, acorde coa temática do disco da artista, foi responsabilidade do decorador florista Richar del Toro.

Ademais de contar para a entrega dos premios coa Concelleira de Cultura, a señora Ana Bello Vázquez, no evento ofreceron unha intervención específica o señor Xurxo Couto, deputado de Cultura na Deputación da Coruña, e o señor Carlos Calvelo Martínez, Alcalde de Arteixo, quen pechou o acto non sen antes facer unha mención ao meritorio labor de Ana Bello á fronte da Cultura nos últimos oito anos de goberno.

O evento, que foi iniciado pola petición ao público dun minuto de silencio na memoria de D. Arsenio Iglesias, personalidade arteixá do deporte de fama internacional falecida neste mesmo día, incluíu ademais unha lembranza da figura de Francisco Fernández del Riego, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Tamén houbo espazo para facer unha referencia laudatoria da artista do trofeo deste ano, Ana Novo, artesá arteixá encarregada de facer unha peza exclusiva realizada en cerámica e decorada con engobes e esmaltes.

A Organización, en palabras do Alcalde, agradeceu a participación das autoras e autores galegos nesta edición e o director literario completou os agradecementos nomeando a inestimable colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Asociación Galega da Crítica, así como recoñecendo o alto nivel de compromiso profesional do Servizo de Cultura do Concello, feitos que contribúen sen dúbida a fortalecer o rigor do Certame e o seu prestixio no contexto sistema literario galego.

Rematado o acto e feitas as fotos oficiais, ofreceuse un viño de honra como fin de festa.

 

Ir al contenido