N.E.V.E.R.M.O.R.E., o novo espectáculo da compañía teatral Chévere, chega ao Centro Cívico e Cultural de Arteixo o día 24 de marzo, como parte dunha xira que comezou en setembro de 2021 no Centro Dramático Nacional de Madrid e levou o espectáculo a máis de 30 teatros noutras tantas localidades de Galicia e España.
A cita é as 20.30h e as entradas costan 6 e 4,50 €
Realizada en coprodución co CDN co apoio da Agadic-Xunta de Galicia e a colaboración do Auditorio de Galicia/Concello de Santiago de Compostela, N.E.V.E.R.M.O.R.E. conta con seis actores e actrices en escena – Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Tone Martínez, Mónica García, Arantza Villar e Borja Fernández – e dirección e dramaturxia de Xron.
N.E.V.E.R.M.O.R.E. é unha forma de acudir á memoria colectiva dun deses pobos que se poden borrar do mapa sen que pase nada. Un pobo que, así e todo, en decembro de 2002 fixo seu o berro do corvo e non se deixou convencer polas mentiras daqueles que aseguraban que non pasaba nada, que todo seguían sendo coma antes. Contar esta historia é tamén un conxuro para desfacer o feitizo que sigue rodeando a catástrofe do Prestige, convertida nunha metáfora estrañamente perfecta desa cultura do petróleo que nos impide ver que hai máis alá da catástrofe, coma se non puidésemos habitar outro lugar que non sexa ese. Coma se no fose posible encontrar un rinoceronte gris dentro dunha caixa negra.