O xurado da XXXI edición do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía da a coñecer os tres finalistas que este ano optan a se facer co preciado galardón.
Trátase das obras «En directo» de Natalia Alonso Ramos; «O rubor da dignidade» de José Ignacio Silva Regueira; e «Somos Adán e nada somos – Le temps, mon ami, le temps!» de Francisco Rozados Rivas.
O xurado composto por Antía Yáñez Rodríguez, nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; María López Sández, nomeada pola Asociación Galega da Crítica; María Aránzazu Portabales Santomé como gañadora do 30º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía; e Alfredo J. Ferreiro Salgueiro, director literario do Certame reuniuse o pasado 13 de abril e tomou a súa decisión por unanimidade.
O gañador, que se dará a coñecer na cerimonia habitual de entrega que terá lugar o 20 de maio ás 20.30 h no Centro Cívico de Arteixo, farase cun premio de 4.000 euros e a edición da obra. O segundo premio está dotado con 2000€ e a edición da obra, mentres que o terceiro clasificado gañará 1000€ e a edición da obra.
O acto de entrega servirá para presentar o libro, editado para a ocasión, «A garza en chamas»que recolle os nove relatos finalistas das últimas tres edicións do Certame. A parte musical correrá a cargo de Belém Tajes.
O evento, que finalizará cun viño de honra aos asistentes, incluirá ademais unha lembranza da figura de Florencio Manuel Delgado Gurriarán, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.