O Concello de Arteuxo e FEGADACE poñen en marcha unha actividade, enmarcada no ciclo «Saúde das mulleres», encamiñada a sensibilizar e previr o dano cerebral e coincidindo co día Internacional do Dano Cerebral Adquirido
A actividade informativa diríxesea todo tipo de público e abordará, entre outras, a prevención das principais causas do dano cerebral: o ictus, que está detrás do 78% dos casos; e os accidentes de tráfico.
A charla tratará de forma especial a repercusión que ten para as mulleres, xa que trátase da primeira causa de morte entre a poboación feminina. Tamén se centrará no modelo de atención e rehabilitación que se desenvolve nas asociacións galegas de dano cerebral, ditado polo Ministerio de Sanidade a través do Imserso. Centrarase especialmente en presentar o recurso asociativo máis próximo ao concello de Arteixo: a Asociación de Dano Cerebral da Coruña, ADACECO.
A charla será o día 26 de outubro, no Auditorio do Centro Arteixo Innovación, ás 17.30h. É preciso realizar inscrición previa no CIM (Avda. do Balneario, 10- baixo- 981601415) ou no enderezo muller@arteixo.org.
A organización desta actividade conta coa colaboración do Concello de Arteixo e da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.
A Concelleira de Igualdade, Servizos Sociais, Sanidade e Educación, Inés Ramos , destaca a importancia do traballo e esforzo das entidades que traballan no día a día para poder atender as necesidades das persoas afectadas e as súas familias. Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información e sensibilización, cos obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.