Arteixo acolle desde hoxe a exposición ‘A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía’ na que se repasa a historia deste museo e se lembra o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta Casa grazas á colaboración de milleiros de persoas.
A mostra, que poderá visitarse no Anfiteatro do paseo fluvial do 4 ao 17 de maio, está comisariada por Pepe Barro, tamén autor da museoloxía da Casa-Museo. Foi inaugurada esta mañá coa presenza de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía; Ana Bello, concelleira de Cultura; e María Muíño, deputada da Deputación da Coruña, que financia esta itinerancia.
Esta exposición fai un repaso pola historia desta Casa-Museo que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, converteuse en refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Nin sequera o franquismo puido facerlle fronte á vontade popular de recuperar esta Casa.
Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 70 concellos, varios bancos, equipos de fútbol e innumerables asociacións de todo o país.
Esta exposición, que despois viaxará ata Arteixo e logo continuará a súa itinerancia por cidades e vilas de todo o país, está patrocinada pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.