A figueira de Rosalía xa loce na contorna do Centro Cívico de Arteixo. Trátase dun dos actos previstos no programa de actividades que conxuntamente levan a cabo o Concello de Arteixo e a Casa de Rosalía de Castro co obxectivo de celebrar a convocatoria da 31 edición do Certame de narracións Breves Manuel Murguía.
Trala plantación da figueira, realizouse tamén a presentación dos libros «Cartas a Murguía (1886-1923)» e «IV Correspondencia da familia Murguía-Castro e outras cartas» de Xosé Luís Axeitos e Xosé Ramón Barreiro, coas intervencións do propio Axeitos e do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
Finalizou o evento coa presentación das bases da convocatoria da 31 edición do Certame de narracións breves Manuel Murguía polo seu director literario Alfredo Ferreiro e as autoridades locais presentes.
Durante a celebración destes actos, os presentes recordaron a Murguía, un dos intelectuales máis grande que deu o noso país no seu tempo, e esposo de Rosalía, que naceu no lugar de Froxel na parroquia de Oseiro. De todos e todas é coñecida a vinculación e relación de Rosalía con Manuel Murguía que non se podería entender a obra de unha sen o outro e viceversa. Dúas figuras que, como comentaron os presentes durante os actos, «de todos os escritores da época que colaboraron nos mesmos xornais, participaron da mesma vida social poucos superaban a Rosalía e Murguía en cultura, capacidade de traballo e xenio literario”.