Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > O concello inicia a poda de 631 árbores situadas nas beirarrúas e nos espazos de tránsito peonil

PUBLICACIÓN

O concello inicia a poda de 631 árbores situadas nas beirarrúas e nos espazos de tránsito peonil

5 Nov, 2026 | NOTICIAS

O Concello comeza a campaña anual de poda do arborado municipal, que este ano abrangue un total de 631 árbores distribuídas por diferentes puntos do municipio. Os traballos céntranse nos exemplares situados nas beirarrúas e nos espazos de tránsito peonil, onde é necesario realizar labores periódicos de mantemento para garantir a súa conservación e a seguridade dos viandantes.

A intervención supón un custo anual aproximado de 35.000€ e responde a dous obxectivos fundamentais: sanear as árbores, eliminando ramas secas ou deterioradas e favorecendo o seu desenvolvemento en boas condicións, e previr posibles riscos derivados do desprendemento ou da caída de ramas sobre as zonas de paso, os vehículos ou o mobiliario urbano.

O Concello aplica un criterio diferenciado segundo a localización do arborado. Así, as podas periódicas limítanse ás árbores situadas nas beirarrúas, pola súa proximidade ás vivendas, ás vías de circulación e aos itinerarios peonís. Pola contra, os exemplares dos parques, xardíns e demais espazos verdes municipais non están sometidos a este tipo de podas sistemáticas, co obxectivo de permitir que medren libremente e desenvolvan a súa forma natural.

Esta política de mantemento enmárcase na aposta municipal por incrementar e mellorar as zonas verdes de Arteixo, que experimentaron un notable crecemento nos últimos anos. A creación de novos parques, a ampliación de espazos axardinados e a incorporación de arborado en diferentes ámbitos urbanos contribuíron a transformar a paisaxe do municipio e a aumentar a presenza da natureza nos espazos de convivencia cidadá.

O incremento das zonas verdes tamén mellora a calidade ambiental e a habitabilidade dos núcleos urbanos, ao proporcionar espazos de sombra, favorecer a biodiversidade e ofrecer á veciñanza lugares para o paseo, o descanso e o lecer.

O Concello considera que a conservación do patrimonio arbóreo debe combinar unha planificación responsable do seu mantemento coa protección do desenvolvemento natural das árbores. A campaña anual de poda permite así compatibilizar a presenza dun arborado urbano saudable e seguro coa vontade municipal de seguir aumentando os espazos verdes e mellorando a calidade dos lugares públicos de Arteixo.

PODE SER DO TEU INTERESE …

Hemeroteca

Consulta todas as nosas noticias da nosa web

Logotipos

Imaxe corporativa e o seu manual de uso