Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > O XII Trail CMP Concello de Arteixo reunirá preto de 500 persoas nos montes do municipio

/ O XII Trail CMP Concello de Arteixo reunirá preto de 500 persoas nos montes do municipio

A  Asociación Deportiva Jarnachas organiza este domingo, 1 de novembro, a duodécima edición do Trail CMP Concello de Arteixo, unha proba que percorrerá integramente os montes do municipio e que contará con 368 persoas inscritas nas súas tres modalidades. A participación de acompañantes e do equipo de voluntariado elevará a asistencia total prevista ata arredor das 500 persoas.

A competición ofrecerá tres distancias adaptadas a diferentes niveis de esixencia. O trail longo terá un percorrido de 28 quilómetros e 1.950 metros de desnivel positivo; o trail curto será de 16 quilómetros e 950 metros de desnivel positivo; e o mini trail contará cun trazado de 11 quilómetros e 500 metros de desnivel positivo.

O mini trail xa completou as súas prazas, mentres que as distancias curta e longa están practicamente cheas.

O Trail CMP Concello de Arteixo ofrece unha oportunidade para practicar deporte ao aire libre e descubrir a riqueza natural do municipio a través dos seus montes e camiños. A variedade de percorridos permite afrontar diferentes retos deportivos nunha contorna que combina esixencia física e contacto coa natureza.

A proba está organizada pola Asociación Deportiva Jarnachas coa colaboración do Concello de Arteixo. Con esta duodécima edición, ambas as entidades continúan apoiando a promoción do deporte de montaña e a posta en valor da contorna natural de Arteixo.