O Concello continúa coa súa aposta pola posta en valor do litoral municipal co lanzamento dun novo ciclo de dez rutas interpretativas.
Baixo as denominacións “Historias do Mar” e “Biodiversidade”, estas andainas gratuítas desenvolveranse entre o 15 de maio e o 21 de xuño, ofrecendo á cidadanía a oportunidade de coñecer de preto a riqueza ambiental, cultural e histórica da costa arteixá.
As rutas teñen unha duración estimada de entre unha e dúas horas e contan cun cupo limitado de 25 prazas por itinerario para asegurar unha experiencia de calidade. A programación arranca este venres 15 de maio coa saída de “Historias do Mar” ás 17:00 horas, seguida o sábado 16 pola ruta de “Biodiversidade” ás 11:00 horas.
O itinerario “Historias do Mar” terá como punto de partida o Centro Mar de Sorrizo. Os participantes percorrerán tramos de cantís e espazos naturais como a Fervenza de Augacae —no límite co concello da Laracha—, finalizando no porto de Sorrizo para observar os vestixios da pesca artesanal. Pola súa banda, a ruta de “Biodiversidade” consistirá nun percorrido circular con saída dende o aparcadoiro da praia de Alba. Este roteiro inclúe paradas en puntos emblemáticos como o monumento ao Voyeur (“O Vixiador”) e os areais de Repibelo, A Salsa e Valcobo, ideais para a observación de fauna mariña.
As persoas interesadas en participar nestas actividades de divulgación patrimonial poden realizar a súa inscrición a través do apartado de turismo desta páxina web
