O Auditorio do Centro Cívico Cultural Manuel Murguía acolle este venres, 6 de novembro, ás 20:30 horas, a representación de «Riazor Ostia», a última produción de Os Náufragos Teatro. Dirixida por Gustavo del Río, a montaxe propón unha reflexión sobre a memoria, a violencia e os discursos de odio a través dunha conexión simbólica entre dous crimes separados por medio século.
A obra establece unha ponte entre o asasinato do cineasta e poeta Pier Paolo Pasolini, ocorrido na praia de Ostia hai cincuenta anos, e o crime de odio contra Samuel Luiz, agredido mortalmente no areal de Riazor en 2021. A proposta emprega o metateatro para abordar a persistencia da intolerancia e das violencias LGTBIQ+fóbicas, tomando o mar como elemento que conecta ambas as historias.
O director, Gustavo del Río, busca que o espectáculo contribúa a transformar o conformismo en pensamento crítico. Pola súa banda, o actor Denis Gómez define a montaxe como unha «especie de catarse colectiva», nunha experiencia escénica que combina pasaxes dolorosas coa vontade de promover unha reflexión compartida.
Os Náufragos Teatro celebra este 2026 os seus 25 anos de traxectoria como compañía vinculada ao teatro social galego. «Riazor Ostia» recibiu a atención de medios e publicacións especializadas como La Voz de Galicia, Erregueté, RNE e Cadena SER, que destacaron a súa dimensión artística e a súa capacidade para abrir un debate sobre a diversidade e os dereitos.
A función comezará ás 20:30 horas e as entradas teñen un prezo de 4 e 3 euros. Poderán adquirirse na billeteira do auditorio desde unha hora antes do comezo da representación ou a través da venda en liña en eventosarteixo.com.
