O Concello iniciará nos primeiros días de xuño as obras de urbanización integral de tres rúas fundamentais do barrio histórico da Cachada: Domingo de Andrade, Pedro de Monteagudo e Maestro Mateo. Esta actuación conta cun orzamento de licitación de 554.000 euros e ten como obxectivo principal a humanización desta zona que conecta a residencia de maiores coa travesía de Arteixo.
O proxecto contempla a ampliación das beirarrúas para dotalas de ancho accesible e continuidade, eliminando os tramos inconexos actuais. As obras incluírán a renovación total dos firmes e pavimentos, así como o soterramento dunha liña eléctrica para suprimir barreras arquitectónicas e aumentar a seguridade vial. A intervención tamén servirá para mellorar as infraestruturas de servizos coa renovación das redes de fecales e pluviais, a reparación dun tramo de abastecemento de auga e a instalación de nova iluminación con tecnoloxía LED.
Durante a execución dos traballos produciranse cortes de tráfico puntuais. Non obstante, os residentes terán sempre habilitado o paso ás súas vivendas e o Concello informará de xeito personalizado cando as obras afecten o acceso aos garaxes ou existan cambios na ordenación do tráfico na zona. O proxecto complétase coa instalación de novo mobiliario urbano e a reordenación das prazas de estacionamento e áreas de colectores.
O alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, sinalou que esta intervención pretende mellorar unha zona moi habitada do casco urbano, continuando coa estratexia de ofrecer solucións integrais de urbanización que incrementen a calidade de vida dos veciños e veciñas.

