Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > O pleno da corporación debaterá a semana próxima os orzamentos municipais para 2026, que ascenden a 66,2 millóns de euros

PUBLICACIÓN

O pleno da corporación debaterá a semana próxima os orzamentos municipais para 2026, que ascenden a 66,2 millóns de euros

19 Nov, 2025 | NOTICIAS, NOTICIAS PLENOS

A diferencia respecto aos 70,1 millóns aprobados en 2025 explícase pola desaparición de dous conceptos puntuais incluídos no exercicio anterior: un axuste contable de 3,86 millóns de euros correspondente á liquidación da antiga empresa mixta Augarsa e un incremento dun millón de euros ligado á facturación da empresa pública Sumarte.

O capítulo de investimento inclúe diversas actuacións destacadas. A máis elevada será a dedicada á travesía de Arteixo, cunha consignación de 2,2 millóns de euros dun total de 3,6 millóns. Tamén se contemplan 420.000 euros para a humanización da travesía de Oseiro, outros 420.000 para a urbanización da zona das Repúblicas e 425.000 euros para a mellora das rúas Domingo de Andrade e Pedro de Monteagudo.

Entre as obras iniciadas en 2025 e que continuarán en 2026 figuran a urbanización da praza de Figueroa, cun pagamento final de 309.000 euros; o parque de Herbales en Chamín, para o que se consignan 330.000 euros; e a Casa de Baños do complexo do Balneario, que recibirá un millón de euros dentro dun proxecto de 3,6 millóns cofinanciado con fondos europeos.

O documento tamén inclúe 2,2 millóns destinados a unidades de actuación urbanística, que permitirán executar a segunda fase dun parque de 3.600 metros cadrados na UA3 e abrir unha nova rúa que conectará Baldomero González coa travesía de Arteixo. Ademais, resérvanse 350.000 euros para a rehabilitación integral do polideportivo de Galán.

As sendas peonís supoñen outro dos bloques principais, cun investimento global de 3,5 millóns de euros. Inclúense as sendas da avenida da Praia (587.000 euros), avenida do Embalse (670.000 euros), Barrañán na DP-506 (1.030.000 euros) e dous proxectos na DP-511, denominados senda das Barreiras (450.000 euros) e senda de Ervedíns (411.000 euros), destinados a mellorar a conexión peonil entre Loureda e o núcleo urbano de Arteixo.

Completan o capítulo de investimentos 680.000 euros para mellora de asfaltados, 500.000 euros para centros educativos e 215.000 euros destinados á reparación de camiños rurais.