A unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) volverá a Arteixo os vindeiros 10 e 11 de xullo para facilitar a doazón de sangue dentro da campaña especial de verán.
O punto de atención situarase na entrada da Avenida do Balneario, na súa confluencia coa avenida de Fisterra, na rúa peonil do núcleo urbano.
A campaña de verán ten como finalidade reforzar as reservas de sangue nun período no que habitualmente descende a participación das persoas doantes, mentres as necesidades asistenciais dos hospitais galegos continúan sendo elevadas.
Segundo ADOS, durante estes meses é necesario acadar máis de 22.000 doazóns para garantir a atención de preto de 6.500 pacientes que precisan transfusións ou outros tratamentos con compoñentes sanguíneos.
O Concello de Arteixo anima á veciñanza a participar nesta iniciativa solidaria e contribuír a manter as reservas de sangue necesarias para o funcionamento do sistema sanitario galego.

