O Concello comezou hoxe o proceso de licitación para un ambicioso proxecto de urbanización e humanización que afectará a seis vías do núcleo municipal: as rúas República do Salvador, Nicaragua, República de Cuba, Honduras, Costa Rica e Cidade de Montevideo. Este ámbito, coñecido popularmente como o barrio das Repúblicas, ocupa unha superficie de máis de 5.000 m².
O proxecto conta cun orzamento total de 672.000 euros, dos cales 420.000 euros proceden de fondos europeos. A actuación ten como obxectivo prioritario adaptar estas rúas ao uso peonil, mellorando a accesibilidade e eliminando a linealidade e monotonía que actualmente caracteriza a estes espazos públicos.
As obras incluirán a construción de novas aceras e o ancheamento das actuais, a renovación completa dos pavimentos e a actualización do alumeado público con modelos de maior eficiencia enerxética. Así mesmo, procederase á substitución das tubaxes de pluviais e auga potable na rede de sumidoiros e á dotación de novo mobiliario urbano e zonas de descanso que fomenten a convivencia cidadá.
O alcalde Carlos Calvelo destaca a importancia desta intervención nunha das zonas con maior densidade de poboación do núcleo: «Trátase dunha mellora fundamental para un barrio ao que nunca se lle dera un tratamento integral ata o de agora», sinalou.
Ademais da mellora estética, o proxecto pon o foco na seguridade viaria. Reforzarase a iluminación nos pasos de peóns para evitar puntos de baixa visibilidade causados polo estacionamento indebido e instalaranse elementos vexetais que actúen como barreira visual e acústica fronte ao tráfico, incrementando o confort de residentes e paseantes.

