Arteixo acollerá este sábado 20 de decembro unha nova edición da Feira do Galo, que se desenvolverá desde as 10:00 horas e que volverá converter o municipio nun punto de encontro da tradición nadalicia galega.
O programa inclúe pasarrúas a cargo do Grupo Triskel, así como presentacións e actuacións con Iván Gámez, Dúo Alba e Selu ao longo da mañá. A entrega de premios ás mellores cestas presentadas terá lugar ás 13:00 horas, mentres que a xornada pecharase cun concerto do grupo Los Platinos, ás 19:00 horas na Praza do Balneario.
Os premios á mellor cesta presentada oscilan entre os 300 e os 75 euros, repartidos en dez categorías.
Como novidade nesta edición, e debido á situación sanitaria derivada do contaxio por influenza aviar e ao confinamento das aves de curral nas explotacións, a organización informa de que os premios se entregarán unicamente con galos mortos, co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria.
A Feira do Galo é unha das citas tradicionais do Nadal en Arteixo, combinando produto, música e cultura popular nunha xornada aberta á veciñanza e ás persoas visitantes.
