Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > Arteixo participará no programa europeo RAPTOR 2026 para desenvolver solucións innovadoras de mobilidade

PUBLICACIÓN

Arteixo participará no programa europeo RAPTOR 2026 para desenvolver solucións innovadoras de mobilidade

5 Dic, 2025 | NOTICIAS

Arteixo foi seleccionada como unha das quince cidades europeas que participarán na sétima edición do programa Rapid Applications for Transport (RAPTOR), unha iniciativa do Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía (EIT), organismo dependente da Unión Europea. O programa busca crear e testar rapidamente solucións innovadoras para desafíos específicos de mobilidade urbana definidos polos propios municipios.

As cidades participantes pertencen a doce países diferentes: Berlín e Wiesbaden (Alemaña), Salzburgo (Austria), Trento (Italia), Nitra (Eslovaquia), Bălți (Moldavia), Leópolis (Ucraína), Helsinki (Finlandia), Luleå (Suecia), Arteixo e Bilbao (España), Bruxelas (Bélxica) e Edimburgo e Londres (Reino Unido).

Cada cidade identificou un reto concreto. No caso de Arteixo, o desafío formúlase en torno á seguinte pregunta: “Como pode Arteixo identificar e priorizar ubicacións óptimas para a recarga de flotas públicas e municipais empregando datos abertos?”

O municipio presenta unha mobilidade altamente condicionada polo vehículo privado e o transporte pesado, con arredor de 65.000 desprazamentos diarios cara A Coruña e unha importante actividade loxística nos polígonos de Sabón e Morás. Aínda que o uso do autobús e do sistema de bicicleta compartida está en aumento, as flotas continúan sendo maioritariamente de combustión, e os puntos de recarga existentes son escasos e non están coordinados.

O obxectivo da convocatoria é que startups e pemes europeas propoñan solucións capaces de analizar necesidades, mapear zonas prioritarias e planificar unha rede integrada de recarga intelixente. As propostas seleccionadas recibirán 60.000 euros para desenvolver e pilotar a súa solución durante seis meses no propio municipio.

O EIT Urban Mobility abrirá a convocatoria a mediados de xaneiro de 2026. Os desafíos detallados presentaranse en sesións informativas os días 21, 22 e 23 de xaneiro, co fin de facilitar ás empresas interesadas a preparación das súas propostas.

PODE SER DO TEU INTERESE …

Hemeroteca

Consulta todas as nosas noticias da nosa web

Logotipos

Imaxe corporativa e o seu manual de uso