Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > O Concello incrementará máis dun 30 % o investimento no Servizo de Axuda no Fogar

/ O Concello incrementará máis dun 30 % o investimento no Servizo de Axuda no Fogar

O Concello da un importante paso para reforzar a atención ás persoas dependentes coa próxima licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que contará cun investimento próximo aos 12 millóns de euros para os vindeiros catro anos.

Trátase do contrato de maior contía económica do Concello, cun incremento do 32 % respecto ao investimento actual. Durante 2025, o custo anual do servizo superou lixeiramente os dous millóns de euros, mentres que a nova contratación suporá un importante aumento dos recursos destinados á atención social.

Na actualidade, 218 persoas con distintos graos de dependencia benefícianse deste servizo en Arteixo, que permite que moitas delas poidan continuar vivindo nos seus fogares coa atención e os coidados necesarios para o seu día a día.

O novo contrato contempla unha mellora significativa das condicións económicas do servizo. O prezo por hora na zona norte pasará dos actuais 22,50 euros a 29,47 euros, mentres que na zona sur aumentará de 20,90 euros a 26,69 euros por hora. Ademais, tamén se incrementará a compensación por quilometraxe das traballadoras, que pasará de 0,26 a 0,31 euros por quilómetro.

Co obxectivo de achegar aínda máis a atención á cidadanía e favorecer unha maior concorrencia das empresas do sector, o servizo dividirase en tres lotes diferenciados: a zona norte, integrada por Arteixo e as parroquias rurais; a parroquia de Pastoriza; e unha terceira zona formada por Oseiro, Morás e Suevos.

Esta nova organización permitirá contar con tres oficinas de atención, fronte ás dúas existentes na actualidade, mellorando así a proximidade e a capacidade de resposta do servizo.

Entre as prestacións incluídas no SAF figuran a axuda nas actividades básicas da vida diaria, o apoio na hixiene persoal, a supervisión da medicación, a preparación de alimentos, a limpeza básica da vivenda, o acompañamento a consultas médicas ou xestións administrativas, así como outras tarefas destinadas a favorecer a autonomía e o benestar das persoas usuarias.

A concelleira de Servizos Sociais, Inés Ramos, destacou que esta licitación responde ao compromiso do goberno municipal coa atención ás persoas que precisan apoio na súa vida diaria.

«Para este goberno municipal é prioritaria a atención a todas aquelas persoas que necesitan axuda para desenvolverse na súa vida diaria, e unha proba é o aumento económico que supón este servizo de axuda a domicilio, que para nós convértese en fundamental dentro da área de Servizos Sociais», sinalou.