O Concello mantén nos orzamentos municipais de 2027 a bonificación do 50 % do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) para os inmobles que instalen placas solares. A medida permite reducir á metade o recibo durante os tres anos seguintes ao da finalización das obras, unha vez xustificada esta mediante o certificado requirido.
A bonificación está destinada aos propietarios de vivendas que incorporen instalacións de aproveitamento da enerxía solar e cumpran os requisitos técnicos e administrativos establecidos.
Para solicitar esta redución fiscal será necesario presentar a comunicación de obra menor ou a licenza de obras, segundo corresponda, así como un certificado detallado, emitido e asinado polo técnico competente, que acredite o cumprimento da normativa aplicable e o funcionamento eficaz e seguro da instalación.
Tamén se deberá achegar o certificado enerxético do estado final da actuación, inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia, e a xustificación da inscrición da instalación de autoconsumo no rexistro correspondente da Consellería de Industria.
Entre os requisitos figura igualmente que o suxeito pasivo estea empadroado no inmoble para o que solicita a bonificación e ao corrente das súas obrigas tributarias co Concello de Arteixo no momento da concesión.
No caso das instalacións destinadas á produción de calor, estas deberán incluír colectores que conten coa correspondente homologación da Administración competente.
Con esta bonificación, o Concello mantén un incentivo fiscal para favorecer a implantación de enerxías renovables nos fogares, impulsar o autoconsumo e contribuír a reducir o gasto enerxético das familias

