O Auditorio do Centro Cívico Cultural Manuel Murguía acolle o venres 13 de novembro, ás 20:30 horas, a representación de «Señores (unha comedia machirula)», unha proposta de De Ste Xeito Producións dirixida ao público adulto a partir de 12 anos. A función terá unha duración aproximada de 75 minutos.
A obra conta a historia do reencontro de catro mulleres que se xuntan para falar do vivido e do que está por vir, entretecendo medos, rancores e alegrías. A través dun ton de comedia profundamente feminista, propón tamén unha ollada crítica aos «señores» que opinan, cuestionan, xulgan, se alían ou acosan.
A proposta aborda as relacións entre irmás, nais e fillas, xunto coa maxia de certas noites, e recorre a un xogo teatral no que as propias mulleres encarnan eses homes que pretenden ditar como deben ser e actuar elas.
A autoría e dirección corresponden a Sergio Macías. O elenco artístico está integrado por Ana Fernández Sánchez, Nadia Geijo Doménech, Stephy Llaryora e Pepa Barreiro.
As entradas teñen un prezo de 4 e 3 euros e poden adquirirse a través da web www.eventosarteixo.com. Tamén estarán dispoñibles no local de exhibición desde unha hora antes do comezo da función, ata completar a capacidade. O número máximo de entradas por persoa será de cinco.
