O Pleno ordinario de xullo debaterá a aprobación do regulamento de utilización da Casa de Baños, documento que establecerá as normas de funcionamento desta nova instalación pública, cuxa apertura está prevista para finais deste ano.
A Casa de Baños ofrecerá un percorrido termal de arredor dunha hora de duración, cun aforo reducido e un modelo de funcionamento orientado ao benestar das persoas usuarias. O prezo será de 10 euros para a entrada individual e de 8,50 euros por acceso mediante un bono de dez sesións.
Nestes momentos unha empresa especializada está a realizar as probas de posta en marcha e verificación de todos os sistemas da instalación antes da súa apertura ao público.
A rehabilitación permitiu reorganizar completamente a distribución interior do edificio histórico para adaptalo a un moderno percorrido termal. Un dos elementos máis destacados da actuación foi a cubrición do antigo patio interior mediante unha estrutura lixeira de aceiro e vidro que alberga agora unha piscina termal cuberta, converténdose no espazo central do complexo.
O novo equipamento contará con vestiarios adaptados, espazos de atención ao público e consulta médica, piscina termal, saunas, duchas de contraste, pediluvio, zona de inhalacións e espazos de descanso, configurando unha instalación moderna que mantén a identidade histórica do inmoble como lugar dedicado á saúde e ao benestar.
O Balneario de Arteixo, con orixes documentadas no ano 1760, constitúe un dos referentes históricos do termalismo galego. A recuperación da Casa de Baños permite preservar este importante patrimonio e adaptalo ás necesidades actuais, reforzando o seu valor sanitario, cultural, social e turístico.
A intervención, desenvolvida polo Concello de Arteixo en colaboración coa Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea mediante os fondos Next Generation EU.
A actuación supuxo un investimento próximo aos tres millóns de euros e permitirá poñer a disposición da cidadanía unhas termas públicas modernas, accesibles e sostibles, integradas no tecido urbano e orientadas á promoción da saúde, da relaxación e da calidade de vida.

