As festas do Apóstolo Santiago volverán encher Arteixo de música, tradición e actividades para todos os públicos entre os días 23 e 27 de xullo. O programa inclúe grandes verbenas, concertos, actos relixiosos, festivais de habaneiras e propostas para o público infantil, convertendo o municipio nun punto de encontro para veciños e visitantes.

A programación arrancará o xoves 23 coa verbena protagonizada por Punto Clave e Panorama. O venres 24 celebrarase a homenaxe aos Tamara, co espectáculo de Paco Lodeiro e César Romero xunto á Banda de Música Santiago de Arteixo, antes da verbena con Los Satélites e Disco Impacto.
O sábado 25 combinará tradición e lecer coa misa solemne, a sesión vermú, o Festival de Habaneiras e unha das grandes novidades deste ano: o espectáculo infantil Gisela Show Kids, que traerá a Arteixo toda a maxia Disney. Terá lugar ás 20.00 horas na Praza do Balneario. A xornada rematará coa verbena de Olympus e Unión y Fuerza.
O domingo 26 continuará coa misa solemne, a tradicional confección de alfombras florais, a sesión vermú, unha nova edición do Festival de Habaneiras e a verbena con Cinema e Fania Blanco Show.
As festas concluirán o luns 27 coa misa en Santa Eufemia, a verbena de París de Noia e Fuego e unha gran sesión de fogos artificiais á medianoite.

Durante toda a celebración manterase activo o Punto Violeta para a sensibilización e prevención das violencias machistas e habilitarase diariamente un espazo sen ruído entre as 18.30 e as 20.00 horas, favorecendo que as festas sexan máis accesibles e inclusivas.

