O Concello de Arteixo recibiu unha nova subvención para o mantemento do Servizo de Atención Temperá, dependente da Concellería de Igualdade, Servizos Sociais, Sanidade e Educación, que dirixe Inés Ramos Álvarez. Esta axuda garante o funcionamento da prestación para o período 2024-2026. O servizo consiste nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, co obxectivo de dar resposta o antes posible ás necesidades que presentan os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.
O centro, situado no baixo da Residencia de Maiores e Escola Infantil na rúa Río Tambre, conta con catro profesionais especializadas: unha psicóloga, unha fisioterapeuta e dúas logopedas. O equipo ofrece prestacións individualizadas como a diagnose e valoración de trastornos psicomotores, cognitivos, da linguaxe e da autonomía, seguindo un Plan de Atención Individualizado centrado na persoa.
O servizo é totalmente gratuíto para os usuarios e está cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo. Para acceder, as familias deben contar coa prescrición do servizo de Pediatría dos centros de saúde de Arteixo e presentar dita derivación no Departamento de Servizos Sociais ou a través do correo electrónico atenciontempera@arteixo.org.