Filtro xeral
Filtro xeral

Inicio > A Biblioteca central incorpora o mural O espertar da sabedoría, do pintor Manuel Suárez Casal

/ A Biblioteca central incorpora o mural O espertar da sabedoría, do pintor Manuel Suárez Casal

A Biblioteca central de Arteixo enriquece a súa aula de estudo coa incorporación do mural O espertar da sabedoría, unha obra do pintor coruñés Manuel Suárez Casal (A Coruña, 1972), cunha traxectoria artística de case tres décadas que evolucionou desde a figuración ata unha linguaxe de marcado carácter informalista e abstracto.

Desde a súa primeira exposición, en 1997, o artista participou en máis de cincuenta mostras individuais e colectivas, entre as que destacan Por la cándida adolescencia, en Palexco (A Coruña); Realidade interior, no Vello Cárcere de Lugo, e Decorado para una fábula, no Palacio de Exposicións da Coruña. Ao longo da súa carreira recibiu tamén diversos premios de ámbito autonómico.

A obra está inspirada en Atenea, deusa grega da sabedoría, e na ave branca que a acompaña, símbolo de claridade mental e coñecemento. A composición establece así un vínculo coa función da biblioteca como espazo dedicado á aprendizaxe, a reflexión e o crecemento persoal, e transmite a idea de que a sabedoría permite atopar luz e claridade alí onde outros só perciben confusión.

Con unha paleta de tons claros e luminosos, o mural foi concibido especificamente para favorecer un ambiente de calma, concentración e benestar. A súa finalidade é acompañar as persoas usuarias da aula de estudo e contribuír a crear un contorno acolledor no que a arte forme parte da experiencia de lectura e aprendizaxe.

A incorporación desta obra integra a arte contemporánea nun espazo público de uso cotián e reforza o papel da biblioteca como lugar de encontro entre cultura, educación e creatividade. A intervención busca mellorar as instalacións e ofrecer á cidadanía un ambiente máis humano, inspirador e estimulante.

Con esta actuación, Arteixo reafirma o seu compromiso coa mellora dos espazos públicos e coa promoción da cultura como ferramenta de benestar, achegando a obra dun artista galego de recoñecida traxectoria ás persoas que cada día fan da biblioteca un lugar para crear, aprender e descubrir.