A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia a nova orde de subvencións destinada a fortalecer o tecido empresarial galego. Esta convocatoria, que conta cun orzamento global de 6.700.000 euros, busca facilitar a consolidación de proxectos iniciados por persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas.
Poderán optar a estas axudas as persoas autónomas, mutualistas, pemes, cooperativas e sociedades laborais que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia. Como requisito principal, deben terse constituído ou dado de alta e iniciado a súa actividade económica entre o 1 de xaneiro de 2024 e a data de presentación da solicitude.
O programa financia investimentos realizados e pagados entre o 1 de xullo de 2025 e a data da solicitude, cun importe mínimo de 5.000 euros (IVE excluído). Entre os conceptos que poden recibir apoio destacan:
-
Equipamento informático e activos intanxibles como software ou páxinas web.
-
Maquinaria, bens de equipamento e mobiliario.
-
Obras de reforma e habilitación do local de negocio.
-
Investimentos en eficiencia enerxética.
A intensidade da axuda variará en función do investimento: un 55% para proxectos de ata 20.000€, un 50% entre 20.001€ e 30.000€, e un 45% para investimentos de ata 60.000€. Ademais, poderá incrementarse nun 10% adicional se o proxecto evita o peche dun negocio por falta de relevo xeracional. De forma complementaria, existen axudas para gastos notariais e de alugueiro.
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto dende o 31 de xaneiro ata o 2 de marzo de 2026. O procedemento realizarase en réxime de concorrencia competitiva.
