A concellería de cultura da a coñecer as bases reguladoras que rexerán os concursos do vindeiro Entroido 2026. Trátase dunha das celebracións máis agardadas e participativas do municipio e que, como cada ano, volve cunha completa programación dirixida a todas as idades.
As modalidades de participación inclúen o concurso infantil, así como os certames de Carrozas, Comparsas e Disfraces de Adultos. O luns 16 de febreiro terá lugar o Concurso Infantil no Campo da Festa, destinado a menores de 16 anos en categorías individual, parellas e grupos.
O martes 17 de febreiro celebrarase o gran desfile de Entroido pola avenida de Fisterra, onde se valorará a orixinalidade, o vestiario e a posta en escena dos participantes. En total, o Concello distribuirá 10.770 € en premios, incluíndo o emblemático premio “Choqueiro” para destacar o enxeño máis tradicional e espontáneo.
O prazo de inscrición remata o 9 de febreiro ás 14:00 horas (agás para as categorías de infantil e adultos individuais, que poden anotarse o propio día). As persoas xurídicas deberán tramitalo pola sede electrónica, mentres que as físicas poden acudir presencialmente ao Centro Cívico Cultural Manuel Murguía.
