O Concello de Arteixo vén de formalizar o outorgamento dunha concesión administrativa dunha parcela destinada a equipamentos no polígono de Morás a favor da Fundación CETIM, coa finalidade de desenvolver proxectos de innovación e economía circular.
A parcela, situada na Rúa Pedra Ácima, conta cunha superficie de 6.591 metros cadrados e será cedida por un período de 50 anos. O obxectivo é poñer en marcha un centro tecnolóxico que traballe en colaboración con diferentes empresas e co propio Concello de Arteixo en accións de formación, sensibilización, programas de mentorización e transferencia de coñecemento.
Ademais, o novo espazo desenvolverá actividades de concienciación ambiental, especialmente orientadas a mellorar o sistema de recollida de residuos, o tratamento de augas e a reforzar as iniciativas que xa se realizan no Espazo Municipal Ecolóxico de Monticaño (Pastoriza).
O CETIM convértese así nun socio tecnolóxico estratéxico de Arteixo, que xerará valor mediante a investigación en procesos tecnolóxicos avanzados e ofrecerá solucións aplicables a distintos sectores produtivos, como o aproveitamento da biomasa forestal e agrícola, a valorización de residuos ou a mellora do tratamento da auga.
Con esta alianza, Arteixo e o CETIM dan un paso adiante na transición cara a unha economía circular, un reto que require a colaboración e implicación de toda a sociedade: administracións públicas, empresas e cidadanía. A investigación e a innovación serán piares fundamentais para acadar os obxectivos de sostibilidade marcados polo concello.