A programación cultural da Festa das Flores 2026 de Arteixo suma unha nova e sorprendente proposta para públicos de todas as idades. O vindeiro domingo 31 de maio, o Anfiteatro municipal converterase no escenario do «Concerto Músico Máxico» , un espectáculo único que combina a calidade musical coa ilusión do ilusionismo en directo.
A cita contará coa actuación conxunta do recoñecido ilusionista Quique Mago e da Banda de Música Santiago de Arteixo. Ambas as dúas formacións unen os seus talentos para ofrecer unha experiencia dinámica, participativa e chea de sorpresas na que as partituras e os efectos de maxia interactuarán constantemente co público.
O concerto arrancará ás 17:30 horas e a entrada será completamente gratuíta. Desde a organización indícase que, no caso de que as condicións meteorolóxicas sexan adversas e faga choiva, a actividade trasladarase ao Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo Manuel Murguía para garantir a celebración do evento.
