O Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo “Manuel Murguía” acolle o venres 14 de novembro ás 19:00 horas o espectáculo “Bichitos”, da compañía Spasmo Teatro.
Trátase dunha proposta de humor xestual dirixida a público infantil de entre 6 e 12 anos, cunha duración aproximada de 55 minutos.
A obra propón unha viaxe teatral no formato de falso documental, a través da cal o público poderá coñecer mellor o fascinante mundo dos invertebrados e reflexionar sobre a importancia de respectar e coidar o medio ambiente. O resultado é un espectáculo cheo de ritmo, cor e comicidade, que combina entretemento e conciencia ecolóxica.
As entradas teñen un prezo de 4 e 3 euros e poden adquirirse anticipadamente na web www.eventosarteixo.com.
